Friday 10 de May de 2024

O Concello celebra a Mesa de Comercio Local e edita 250.000 folletos do Plan de Dinamización de 2015, que inclúe máis de 100 accións en toda a cidade


A reunión, convocada pola Concellaría de Comercio que dirixeLuisa Cid, forma parte dos encontros periódicos mantidos coaXunta, representantes de comerciantes e consumidores

O Plan de Dinamización Comercial 2015, impulsado polo Goberno municipal, a través da área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid, estará a disposición de todos os coruñeses grazas á distribución de 250.000 programas editados polo Concello e que inclúen as máis de 100 actividades e eventos que se celebrarán ao longo do ano en todos os barrios e que foron consensuadas o pasado mes de xaneiro tras as reunións de traballo mantidas a finais do pasado ano entre o Executivo local e todos os representantes do comercio coruñés.
.Así anunciouno a concelleira de Comercio, Luisa Cid, ao termo da Mesa de Comercio Local á que acudiron a delegada daXunta na Coruña, Belén do Campo, representantes do Goberno municipal, do comercio local e de asociacións de consumidores. A reunión serviu para facer un seguimento das accións de promoción do comercio local e abordar diversos temas, como as subvencións solicitadas á Xunta por varios centros comerciais abertos.
Ao finalizar a Mesa de Comercio Local, a concelleira de Comerciomantivo un encontro cos representantes das 22 asociacións comerciais, aos cales lles presentou os dípticos que editou o Concello co calendario das máis de 100 accións de dinamización deseñadas para 2015. O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, tamén se achegou ata a reunión para coñecer a opinión dos asistentes.
Cid recordou que os dípticos estarán dispoñibles nos próximos días nas tendas do comercio local e precisou que a idea xurdiu para cubrir unha demanda dos propios comerciantes. Dende que está este goberno fanse accións case todas as semanas, polo que é difícil facer un seguimento de todas as que se organizan. Estes programas -engadiu a edil- permitirán saber que accións se celebran e onde e cando se realizan”.
Os establecementos dispoñerán de 250.000 folletos nos que se detallan mes a mes as actividades deseñadas polas asociacións comerciais e financiadas polo Concello a través de convenios nominativos. En virtude destes acordos, a Concellaría de Comercio concede a cada unha das 22 asociacións unha partida de 4.000 euros e ás dúas federacións -Federación Provincial de Comercio e Federación Unión de Comercio Coruñesa- 25.500 euros, respectivamente
“Os convenios nominativos son unha forma de fortalecer o tecido comercial da cidade porque o comercio coruñés é unha peza clave da nosa economía”, indicou a concelleira, quen engadiu que o Plan de Dinamización Comercial 2015 chegará a todos os barrios e ten diferentes temáticas, a maioría de marcado carácter lúdico.
O Día da Familia, en Eirís; o Día do Comercio na Rúa, na Falperra; a Feira da Cervexa, na Cidade Vella; ou as noites brancas, da Área Obelisco, forman parte da programación de 2015 xunto a actividades infantís como os Chequechefs -que se celebran durante todo o mes de marzo en máis dunha decena de barrios-, certames, creación de páxinas web ou desfiles de moda como o que organizará en abril a Asociación Distrito Oza. A Festa do Verán deElviña e a Sardiñada Popular de Os Rosales, en xuño, son outras das accións dirixidas a promover o comercio coruñés con financiamento municipal.
250.000 CONVITES PARA ‘O MOTOR DA HISTORIA’
Luisa Cid fixo fincapé na “repartición equitativa” das axudas entre todas as asociacións e explicou que entre as novidades do Plan de Dinamización deste ano destaca o protagonismo do comercio coruñés nun dos maiores eventos do ano: a exposición
O Motor da Historia, realizada con fondos da Fundación Jorge Jovee que reúne 73 automóbiles que explican a evolución da automoción.
A mostra celebrarase en EXPOCoruña entre o 28 de marzo e o 12 de abril e aspira a converterse nun centro de referencia e de atracción para a dinamización da actividade económica da cidade. Neste sentido, a concelleira anunciou que os convites para ver a exposición, concibida como un anticipo do futuro Museo de Automoción que se situará en Bens, tan só se poderán adquirir en tendas do comercio local, que distribuirá un total de 250.000 convites.
Ademais dos convites, editaranse 350.000 flyers da mostra, dos cales 250.000 se obterán nas tendas do comercio coruñés, 50.000 estarán a disposición do público durante o Fórum Gastronómico -que se celebrará en EXPOCoruña entre o 15 e 17 de marzo-, e outros 50.000 distribuiranse en Portugal.
CAMPAÑAS TODO O ANO
O Plan de Comercio engloba as accións e estratexias deseñadas polo Concello en consenso co sector para apoiar, reforzar e revitalizar o comercio coruñés incidindo na fidelización do cliente e na consolidación da marca comercio coruñés.
Así, o programa de dinamización comercial complétase coas accións de apoio realizadas directamente pola Concellaría de Comercio e que inclúe eventos xa consolidados como os concursos de escaparatismo, campañas de vales de compra e accións específicas en épocas cruciais para o sector como San Valentín, o Día do Pai, o Día da Nai ou Nadal.
A estratexia municipal destaca, ademais, por promover grandes eventos nos que se busca a implicación do comercio local, comoTenda, a gran feira o comercio urbano que se celebrou o pasado ano en EXPOCoruña e na que participaron máis de 150 tendas e visitaron máis de 15.000 persoas; ou o Pobo de Nadal, coa repartición de 100.000 nadales entre os comerciantes para realizar promocións e captar novos clientes.
Nos últimos tres anos, a área de Emprego e Empresa puxo en marcha 24 campañas específicas e en distintas épocas do ano que contaron cun total de 2.422 participantes. Dende 2011, o Concello investiu máis de 3 millóns de euros para reactivar o comercio local fronte aos cero euros destinados en anteriores presupostos.
O Plan do Comercio recibe anualmente 700.000 euros, partida que se suma aos 141.00 euros destinados aos convenios nominativos con todas as asociacións.